Acerca deste proxecto

Isto que é?

Eufalo.TV é un proxecto de documental colaborativo. É unha historia colectiva sobre a lingua, dende o punto de vista dos seus falantes. É, por tanto, unha historia feita a partir de pequenas historias, un discurso feito con moitos discursos diferentes e variados. Que cada quen tire as súas propias conclusións.

Como proxecto en desenvolvemento que é, imos ir traballando nel pouco a pouco para melloralo e facelo o máis participativo posible. Contamos coa túa colaboración para, entre todos, irlle poñendo caras ao Mapa Sociolingüístico de Galicia.

Quen o fai?

Eufalo.TV argallámolo entre A Navalla Suíza e un equipo de colaboradores formado por Noa García, Manu Mayo, Belén Regueira, Araceli Gonda, Xandra Tedín, Mabel Montes, Mónica Ares e Matías Tarrío, entre outros. Queremos agradecerlles a súa colaboración ao Leo i Arremecághona e a Isabel Risco, e ás súas familias e amigos, que se prestaron a falar con nós. E sobre todo a toda a xente que aparece nos vídeos, anónima ou non tanto.

Xa, pero quen o paga?

É un proxecto propio, así que o pagamos nós.

Polo menos teriades subvención...

Tivemos, si. Unha axuda ao desenvolvemento de contidos interactivos da AGADIC, por valor de 15.000€, que loxicamente só cobre unha parte do investido. Estamos bastante orgullosos de que Eufalo.TV fose o proxecto máis valorado pola comisión.

Como podo participar?

Xa o estás facendo cando ves estes vídeos e cando os comentas e compartes nas túas redes sociais. Moitas grazas!

Pero aínda podes contribuír de maneira máis activa, pois os vídeos de Eufalo.TV tamén os facedes vós. Se non resistes a tentación de enviarnos a túa peza, mira como facelo.

Esta web é un produto de
A Navalla Suíza